22.3.21

DÍA INTERNACIONAL DO BOSQUE E DÍA MUNDIAL DA POESÍA

Hoxe é o día internacional dos BOSQUES e tamén o  Día da POESÍA , so tedes que mirar o voso patio para comprender que estades rodeados de natureza, de toda clase de árbores.

 Por que relacionamos a poesía coa chegada da primavera?

  Porque simbólica e etimoloxicamente relacionamos a poesía coa creación, co rexurdimento da vida, o espertar na natureza despois dos meses fríos do inverno, tempo do amor e da fertilidade, enerxía vital.

 En todas as culturas este período do ano aparece vencellado aos procesos creativos. Na primavera énchese o mundo de flores e de cancións. A primavera é o tempo dos namorados, mais tamén do libro e da lectura (23 de abril), o tempo das Letras Galegas (17 de maio).

Nas culturas clásicas e na cultura medieval de occidente na primavera celebrábanse os festivais ou certames de poesía, concentración de músicos e poetas. As grandes cortes do amor da Idade Media convocábanse preferentemente na primavera.

(A POESÍA, O PORTAL DAS PALABRAS )

Este pequeno video é para que observedes e sintades todo aquilo que vos provoca a natureza  e... por que non escribilo? da igual en que formato: poesía, unha carta, unha noticia, un conto...

 

"HAI MOMENTOS NO CAMIÑO NOS QUE AS PALABRAS NON SON NECESARIAS" Inés Castro.

CASTIÑEIRO


 Está soio o castiñeiro

no cómaro dun labradío.

¡E como o ollo senlleiro

eu coido que sinte frío!

 

Ten a copa moi redonda

e ten a casca enrugada.

¡Debe sentir pena fonda

lembrando a vida pasada!

 

Como xa ten tantos anos

os seus foron morrendo.

¡Agora arbres estranos

escóitano estar xemendo!

 

¡Case non hai castiñeiros!

Os que hai son de respeto: 

¡vellinos,orfos,tristeiros

e con furados do peto...

...

TERRA CHÁ (1954)

MANUEL MARÍA






Ningún comentario:

Publicar un comentario