MADRIGAL Á CIBDÁ DE SANTIAGO. FEDERICO GARCÍA LORCA
Chove en Santiago,
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brila entebrecida ó sol.
Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e de sono
cobren a valeira lúa.
Olla a choiva pola rúa,
laio de pedra e cristal.
Olla no vento esvaído
soma e cinza do teu mar.
Soma e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol;
ágoa da mañán anterga
trema no meu corazón.
García Lorca, Federico (1978) Seis poemas galegos (Madrid: Akal, Col. arealongiña)
Sabedes que os poemas poden ser versionados por cantautores ou grupos? Aquí tedes un exemplo, dúas versións preciosas para ESCOITAR E SENTIR !
VERSIÓN DE CARLOS DÍAZdo poema de Federico García Lorca
Hoxe é o día internacional dos BOSQUES e tamén o Día da POESÍA , so tedes que mirar o voso patio para comprender que estades rodeados de natureza, de toda clase de árbores.
Por que relacionamos a poesía coa chegada da primavera?
Porque simbólica e etimoloxicamente relacionamos a
poesía coa creación, co rexurdimento da vida, o espertar na natureza
despois dos meses fríos do inverno, tempo do amor e da fertilidade,
enerxía vital.
En todas as culturas este período do ano aparece
vencellado aos procesos creativos. Na primavera énchese o mundo de
flores e de cancións. A primavera é o tempo dos namorados, mais tamén do
libro e da lectura (23 de abril), o tempo das Letras Galegas
(17 de maio).
Nas culturas clásicas e na cultura medieval de occidente
na primavera celebrábanse os festivais ou certames de poesía,
concentración de músicos e poetas. As grandes cortes do amor da Idade Media convocábanse preferentemente na primavera.
Este pequeno video é para que observedes e sintades todo aquilo que vos provoca a natureza e... por que non escribilo? da igual en que formato: poesía, unha carta, unha noticia, un conto...
"HAI MOMENTOS NO CAMIÑO NOS QUE AS PALABRAS NON SON NECESARIAS" Inés Castro.