Hai quen di que a nosa BIBLIOTECA é unha biblioteca distinta. E acertan os que así pensan. A nosa non é un local pechado gardado por un bibliotecario que exerce un riguroso labor de vixilancia. Na nosa biblioteca os libros están á man, en andeis a altura dos usuarios que follean os libros, que os ulen, que os saborean. Non descansan pechados en vitrinas, detrás dunhas paredes de cristal. Os libros están usados e mesmo algúns teñen remendos. A nosa biblioteca é un lugar por onde pasa todo o mundo: o alumnado, o profesorado, as nais e os pais, o conserxe, as limpadoras... Non é preciso pasaporte algún para circular por ela, só si queremos levar un dos libros utilizamos o noso carné para deixar anotado o préstamo. Así de accesible é a nosa BIBLIOTECA.
Mais, ás veces, os encargados da nosa BIBLIOTECA queren chamar a nosa atención e mostran as novidades que chegan no expositor da entrada ao colexio. Tamén alí os podemos follear, ulir, saborear...antes de que pasen a vivir no primeiro andar, no recuncho vermello, ou no azul, ou no amarelo.
Desde hai uns días alguén quixo mostrar os libros dun xeito distinto e atopámonos coa sorpresa de que hai libros para levar no peto...
contos ao teléfono...
e algún que outro libro que chama por nós dun xeito cando menos curioso.
Ou non?
Ningún comentario:
Publicar un comentario